The Man In Me: unha introducción

É unha tarde de sábado calquera a comezos dos anos 90. Estou na casa dos meus tíos, na habitación do meu curmán maior, e soa Blowin’ In The Wind. Ese é o meu primeiro recordo de Bob Dylan. O primeiro consciente porque, por suposto, a canción resúltame moi familiar, como a calquera outro mozo educado no catolicismo (durante anos, e aínda hoxe nalgunhas igrexas, Blowin’ In The Wind prestoulle a súa melodía a un canto da misa titulado Saber Que Vendrás). Teño nas mans a carpeta do vinilo, un daqueles obxectos mitolóxicos que protexían os máxicos círculos sonoros, á vez que che outorgaban un estatus de autoridade cando os levabas á clase para intercambialos cos teus amigos. Con internet aínda moi lonxe do noso horizonte, as notas que adoitaban incorporar aquelas cubertas de cartón, e as poucas revistas especializadas da época (Popular 1, Ruta 66) eran cantas fontes tiñamos para coñecer algo máis dos nosos ídolos musicais. Ou para descubrilos directamente.

Bob_Dylan-Greatest_Hits-Frontal

 

 Naquela carpeta en particular non había moito que rascar, nin créditos dos músicos implicados na gravación (en realidade gravacións, posto que se trataba dun recompilatorio), nin parágrafos explicatiivos de ningún tipo; tan só os títulos dos dez presuntos Grandes Éxitos daquel tipo cuxo nome xa escoitara algunha vez (diso estaba seguro), pero do que non sabía absolutamente nada. Cero. Eu era por aquel entón un adolescente con apenas catro ou cinco anos de militancia musical, consagrados case en exclusiva a Mark Knopfler e os seus Dire Straits. Aínda manteño hoxe o meu afecto e respecto polas súas cancións, pero aquela tarde de 1990 (quizais 1991), naquel reducido cuarto dun noveno piso do barrio coruñés de Catro Camiños, caín da burra. E vin a luz. Os que me coñecen dirán que sempre emprego a mesma metáfora pero é que non atopo mellor imaxe para describir a miña conversión que a de San Paulo cruzando o deserto camiño de Damasco. Naquela voz afiada que se apoiaba nun sinxelo acompañamento de guitarra e en lufadas de harmónica (un daqueles cacharros metálicos que meu pai tiña por casa), percibín algo. Non sabería dicir que exactamente. Se cadra foi a melancolía que transmitía ao cantar. Ou quizais a mensaxe directa que meu primo se afanaba por me traducir de xeito simultáneo, pois daquela o meu inglés non era mellor que o de calquera dos nosos sucesivos presidentes do Goberno… A cuestión é que sentín que alí había algo latente, si. Unha mensaxe, unha actitude. Non tan á vista como os solos fastuosos do meu querido Mark Knopfler, claro. A cousa era máis sutil, menos obvia. Pero estaba aí, cheguei a esa conclusión mentres o vinilo xiraba e avanzaba de tema e aquela voz mudaba a melodía pero seguía abríndose paso na miña cabeza. Na portada do álbum había un mozo coa mirada baixa, perdida e o pelo enmarañado e longo (cando menos moito máis longo do que eu o levaba entón). O mozo sostiña un libro de considerables dimensións coa imaxe dun vello na contraportada (moito tempo despois souben que se trataba dun volume de 1958 titulado A Pintura Flamenca: do Bosco a Rubens). Saín da casa dos meus tíos con aquel disco debaixo do brazo pero non cheguei a mercar unha casete para gravalo (si, amigos, naquela época pirateabamos moitos elepés sen que a industria se preocupase o máis mínimo por iso). Non o copiei porque non tiña suficiente con iso. Eu non recibía unha paga semanal fixa nin tiña, por descontado, ningunha fonte de ingresos alternativa á xenerosidade de meus pais. Pero necesitaba ese disco. Non unha cinta TDK coas cancións, non. O disco en si. Todo el.

 Leveillo de volta a meu curmán en canto reunín as oitocentas pesetas escasas que me custou conseguir a miña propia copia. E a partir dese momento botei man da miña imaxinación para ir pañando máis material daquel tipo cuxa música me transportaba a outra dimensión. En cuestión de días, atopei quen tivese a ben trocar unha casete orixinal de The Wild, The Innocent & The E Street Shuffle de Bruce Springsteen (que alguén me regalara nalgún aniversario intentando, sen éxito, sacarme do meu sopor knopfleriano) polo vinilo dun dos peores álbumes de Bob Dylan: Down In The Groove. Lonxe de me desanimar, o notorio desequilibrio entre o vello recompilatorio dos seus primeiros éxitos e aquel outro disco no que a voz parecía a dun ancián resacoso só incrementou a miña convicción de que na miña vida había un antes e un despois de Dylan. E comezou unha longa e gozosa etapa de recolleita a todos os niveis. Inspeccionei cantas tendas coñecía (daquela había aínda tendas de discos en plural) e mesmo encarguei algún disco por correo a través do mítico BID, un catálogo gratuito que recibía cada mes desde Madrid. O criterio á hora de escoller a miña seguinte adquisición estaba moi clara: sempre o máis barato. Non sei nin de onde saquei os cartos para afrontar unha colección que, a priori, semellaba interminable. Quedaba coas voltas do pan, imaxino. Ou gardaba algunha libra cando os sábados quedaba cos colegas para xogar ao futbolín. O malo era que o tal Bob Dylan publicara máis discos ata entón que todos os grupos favoritos dos meus amigos xuntos. Mais a decisión estaba tomada e xa non había volta atrás. Meses máis tarde, o 24 de maio de 1991, día no que Dylan fixo 50 anos, a emisión en Radio 80 Serie Oro (M80 na actualidade) dun monográfico de 24 horas ininterrompidas sobre a súa figura xogou tamén un papel significativo na miña abrupta e tan desordenada iniciación.

20121209-bd-grammy1991-thumb-624x420-1355089388

Dylan con Jack Nicholson na cerimonia de entrega dos Grammy, en 1991

 Levoume bastantes anos pero completei a misión que eu mesmo me encomendara. Un por un, fun incorporando todos os vinilos de Bob Dylan á miña colección. Nun momento dado modifiquei o meu modus operandi e pasei a buscar antes aqueles discos cuxas críticas eran máis favorables. Con todo, algún dos máis ilustres foi dos últimos en acabar nas miñas mans. Corrían xa os anos nos que o cedé era o formato rei, ante o que finalmente tiven que claudicar. Iso obrigoume a iniciar unha colección paralela que, esta si, está aínda por completar. Polo camiño vin actuar en directo a Dylan na miña cidade. E comprobei que nese aspecto tamén crea adicción: os discos piratas, ou bootlegs, pasaron entón a ser o obxecto do meu desexo. Abríase así unha porta cara ao infinito, porque estamos ante o artista máis pirateado da historia do rock, ademais dun dos máis activos. Os piratas son eses discos ao vivo ou de rarezas editados á marxe das canles estritamente oficiais (non necesariamente ilegais se non existe un interese económico senon meramente divulgativo) que no caso dos seguidores de Bob Dylan supoñen un requisito indispensable para se poder considerar un mero iniciado na materia. Eu levantei o pé cando, superados os trescentos, comecei a ter problemas para almacenalos todos no mesmo armario.

 No instante en que escribo estas liñas fago memoria e conto unha ducia de recitais de Bob Dylan aos que asistín en persoa en tres países distintos (entre eles os catro que ofreceu en Galicia ata o día de hoxe, aos que lles dedicarei un capítulo aparte máis adiante). Cada un deses concertos foi diferente dos outros. Non todos igual de bos, naturalmente, pero si todos valiosos e relevantes por diversos motivos. Conservo de cada un deles un recordo nítido e unha gravación en audio de gran valor sentimental. Escoitalas é revivir algúns dos mellores momentos da miña vida.

 Os argumentos cos que me atrevo a asinar este libro complétanse con dúas credenciais adquiridas despois da miña afiliación ao dylanismo (aínda que este termo adoita empregarse tamén para definir un perfil de fan radical co que non me idenfico para nada): levo case vinte anos exercendo o xornalismo (ás veces mesmo o musical) e preto dunha década subindo aos escenarios cunha guitarra ao lombo. Si, admito que esta tampouco semella a orde máis natural de facer as cousas. Pero o caso é que durante seis anos tiven o privilexio de poñerlle a miña voz ás cancións de Bob Dylan en algo máis dun cento de actuacións xunto aos meus compañeiros de The Highlights, banda tributo (unha das primeiras deste tipo que houbo en Galicia e, desde logo, a única consagrada á criatura do señor Zimmerman). Polos Highlights pasaron ao longo dese tempo ata sete compoñentes que, con algunha excepción, compartiamos a mesma paixón pola obra de Dylan. Non eramos moi bos, pero eramos honestos. E tocabamos grandes cancións. E pasámolo moi ben as máis das veces. E ademais teño entendido que algunha que outra parella comezou a mocear nun dos nosos concertos, así que máis se lle pode pedir a unha banda de bar? Todo ten o seu momento, e no verán de 2012 despedímonos cunha mini xira xunto aos nosos amigos de Stormy Mondays. Eu agora canto os meus propios temas, pero sempre serei un Highlight. Saúde, camaradas!

garufa

Carteis dalgúns dos concertos que realicei entre 2006 e 2012 coa miña banda tributo, The Highlights

 

 

De modo que os capítulos vindeiros desta serie pretenden ser un achegamento persoal á obra de Bob Dylan. Pormenorizado, rigoroso, pero persoal ao cabo, porque cando falamos de música é case imposible limitarse ao aspecto numérico, ao puramente estatístico. Toda aproximación a un artista está condicionada polo gusto de quen escribe e esta non vai ser menos. Procurarei, en calquera caso, ser coherente, fundamentar os eloxios e as críticas e evitar sentar cátedra. A música son emocións, sentimentos, sensacións. As miñas respecto a Dylan coinciden coa opinión maioritaria nalgúns casos, pero noutros non. Así que nos datos que aquí se ofrecerán podes confiar porque son certos. As opinións son miñas. E como tales, discutibles, claro.

 Sobre o artista que nos ocupa, hai moitos bos textos escritos ou traducidos ao castelán, pero non me constaba ningún medianamente longo en lingua galega. De aí que, malia o risco de apertar máis ben pouco, intentase abarcar o máximo posible. O mero feito de que esteas lendo estas liñas é de por si un triunfo, e a condición necesaria para que poida haber futuros achegamentos máis pormenorizados a etapas ou facetas concretas da súa carreira sobre as que habería moito máis que contar.

 Se cadra non está de máis aclarar tamén neste punto por que o relato está estruturado en todo momento en torno aos álbumes e non aos singles, o formato estrela do mercado no tempo en que Dylan se deu a coñecer. En primeiro lugar, o seu éxito, a súa relevancia artística sempre trascendeu as súas vendas, que, poroutra banda, non lle outorgaron ningún número un en ningures a través dun sinxelo (Like A Rolling Stone, a mellor canción de todos os tempos segundo a revista Rolling Stone e o maior éxito na década dos 60, tan só acadou o segundo posto nas listas americanas e o terceiro nas británicas). Ademais, Dylan foi sempre (segue a selo) un home de elepés, de discos de longa duración. Foi un dos artífices de que ese pasase a ser o formato de referencia a partir da segunda metade dos anos 60, pero deseñou o seu mapa sonoro neses termos desde o comezo da súa carreira. 

 Cada álbum está comentado a través dunha cita representativa dalgunha das cancións que contén, unha ficha técnica, o listado de temas valorados individualmente cunha puntuación do un ao cinco, a sorte que correu nas listas de venda da época nos dous mercados máis importantes, o estadounidense e o británico, e unha reseña sobre o contexto no se gravou, a procedencia e relevancia dos músicos que colaboran, o momento que atravesaba Dylan, a recepción que tivo entre crítica e público o traballo en cuestión, a miña propia valoración persoal do mesmo e das cancións, os posibles descartes realizados polo autor (ás veces moi significativos) e calquera anécdota que considere relevante para que te fagas unha idea o máis completa posible. Aínda que para iso terás tamén que escoitar por ti mesmo e decidir se coincidimos ou non.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s