Dylan & The Dead (directo): Sen forza, sen inspiración, sen criterio

A cita:

“Nado no abafante Brooklyn no ano de Deus sabe cando. Abriu os ollos cando soaba un acordeón. Sempre á marxe de calquera lado que houbese. Cando lle preguntaron por que tiña que ser sempre así limitouse a responder: ‘porque si’” (Joey)

Bob_Dylan-Dylan_&_The_Dead-Frontal

A ficha:

Publicado o 6 de febreiro de 1989

Gravado ao vivo durante a xira conxunta polos Estados Unidos entre o 4 e o 26 de xullo de 1987

Produtores: John Cutler e Jerry Garcia

Selo: Columbia

 

Os músicos:

Bob Dylan: voz e guitarra

Jerry García (voz e guitarra); Bob Weir (voz e guitarras); Phil Lesh (baixo); Mickey Hart (batería); Bill Kreutzmann (batería); Brent Mydland (voz e órgano)

 

As cancións:

  1. Slow Train **
  2. I Want You ***
  3. Gotta Serve Somebody ***
  4. Queen Jane Approximately ***
  5. Joey **
  6. All Along The Watchtower *
  7. Knockin’ On Heaven’s Door *

 

A reseña:

Vendeuse ben malia ser, de lonxe, o peor directo xamais editado por Dylan. Quizais o reclamo de ter dúas lendas americanas reunidas nun só disco levou a moitos ao engano. Porque dubido moito que os deadheads, os fans acérrimos dos Grateful Dead quedasen moito máis satisfeitos que quen escribe isto. A formación liderada por Jerry Garcia estaba composta naquela época por Phil Lesh no baixo, Brent Mydland nos teclados, os demos do ritmo Mickey Hart e Bill Kreutzmann nas baterías, e Bob Weir e o propio Garcia nas guitarras.

dead3

O álbum documenta unha xira conxunta (efémera, apenas foron seis concertos) e non precisamente memorable, que xa quedaba bastante lonxe cando se publicou: no outono do 87, Dylan volveu xirar por Europa con Tom Petty & The Heatbreakers no chamado Temples In Flames Tour (máis frouxo que o precedente de 1986, True Confessions, pero con algúns momentos brillantes e, desde logo, moito máis merecedores de ser recollidos nun álbum oficial). Xa en 1988, apañou unha nova banda coa que perfilou o son máis punzante, agresivo e garaxeiro de toda a súa traxectoria, no inicio do (para moitos aínda inconcluso) Never Ending Tour. En Dylan & The Dead non hai nin rastro desa enerxía. Tampouco se atisban as musas que, poucos meses despois, alumbrarían nun estudio de Nova Orleáns o seu monumental Oh Mercy. O disco, mediocre en conxunto, vai de máis a menos, pasando da corrección sen alardes da versión de Slow Train (gravada en Foxborough, Massachusetts, o 4 de xullo, no primeiro e mellor recital dos seis) ata o desastre absoluto dun Knockin’ On Heaven’s Door que soa improvisado sobre a marcha e lento ata o sopor absoluto, con Dylan farfullando os versos como se fose un gato moribundo. Entre elas, apenas cinco cancións máis: I Want You, escasa de punch aínda que sempre agradecida de escoitar; Gotta Serve Somebody, cun arranxo demasiado parecido ao de Slow Train que, á súa vez, remitía ao Truckin’ dos Dead; Queen Jane Aproximately, tan valorable por inesperada como carente da maxia orixinal; Joey, innecesaria e longa, todo un anticipo do aburrimento insólito que viña a continuación; e All Along The Watchtower, deslavazada e maltratada case nos mesmos termos que o outro presunto warhorse do disco, a xa mentada Knockin’. Ao longo dos 43 minutos que dura o elepé, Dylan amósase completamente perdido, fóra de lugar, carente de inspiración e, o que resulta máis grave, falto de actitude. O aspecto que loce nas imaxes que existen daqueles concertos veñen a corroborar esta impresión: coa barba máis longa que nunca, locindo unha boina revolucionario, mitóns nas mans (esas horripilantes luvas que deixan os dedos ao aire) e envolto en varias capas de roupa holgada… en pleno verán. Máis tarde soubemos que, por aquel entón, Dylan vivía os primeiros meses do seu segundo matrimonio. Pode que, no persoal, as cousas non marchasen nada mal. Pero a nivel artístico está claro que tocaba fondo. Parecía canso das súas cancións, canso de ter que ser Bob Dylan.

dead1

Pero non toda a culpa deste pequeno desastre foi súa, claro. Axudou tamén a errática selección do material, da que podemos responsabilizar a Jerry Garcia e a John Cutler na súa condición de produtores do disco. Ao contrario do que sucede habitualmente, a xira foi como o disco: de máis a menos. Non é casualidade que o mellor corte proceda da estrea da xira o 4 de xullo e as peores, da derradeira en Anaheim, California, 22 días despois. Moito me temo que Dylan foi arrepentíndose sobre a marcha. O tour desenvolveuse en grandes recintos deportivos e deu bos dividendos froito da gran demanda de entradas. Pero a diversión vivida durante os ensaios nun estudio de San Rafael, en California (verdadeiras jam sessions nas que chegaron a probar cousas como Oh, Boy! de Buddy Holly, I’m Free dos Rolling Stones, The Boy In The Bubble de Paul Simon ou I’m So Lonely I Could Cry de Hank Williams, xunto a temas tan insólitos do noso home como o daquela aínda inédito Walkin’ Down The Line) desapareceu progresivamente unha vez estiveron sobre o escenario. Dylan e os Dead son dous bos exemplos de improvisación e reinvención ao vivo, mais non encaixaron en absoluto naquela efémera xira. E cando estiveron máis preto de facelo, ou ben non se decataron, ou ben preferiron non compartilo co mundo. Escoitando a gravación pirata daquela primeira actuación en Foxborough, non chego a comprender por que Chimes Of Freedom, John Brown, Tomorrow Is A Long Time ou Man Of Peace non foron escollidas para formar parte do álbum. Poderiamos estar falando dun resultado distinto, dun directo polo menos digno. Pero semella que naquela ocasión todo o bo criterio esgotouse na portada, fantástica para imprimir nunha camiseta. A que si?

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s