Bringing It All Back Home: Escándalo! O folk e o rock déitanse xuntos!

A cita:

“Non necesitas o home do tempo para saber de que lado vén o vento” (Subterranean Homesick Blues)

Bring

A ficha:

Publicado o 27 de marzo de 1965

Gravado en Nova York entre o 13 e o 15 de xaneiro de 1965

Produtor: Tom Wilson

Selo: Columbia

 

Os músicos:

Bob Dylan: voz, guitarra, órgano e harmónica

Al Gorgoni (guitarra); John P. Hammond (guitarra); Bruce Langhorne (guitarra); Kenny Rankin (guitarra); Bill Lee (baixo); Joseph Macho Jr. (baixo); John B. Sebastian (baixo); Frank Owens (piano); Bobby Gregg (batería)

 

As cancións:

  1. Subterranean Homesick Blues *****
  2. She Belongs to Me *****
  3. Maggie’s Farm *****
  4. Love Minus Zero/No Limit *****
  5. Outlaw Blues ****
  6. On the Road Again ****
  7. Bob Dylan’s 115th Dream ****
  8. Mr. Tambourine Man *****
  9. Gates of Eden *****
  10. It’s Alright, Ma (I’m Only Bleeding) *****
  11. It’s All Over Now, Baby Blue *****

 

As vendas:

Segundo número 1 nas listas británicas, despois de The Frewheelin’ Bob Dylan. Nos Estados Unidos entrou por primeira vez no Top Ten ao acadar o posto número 6.

 

A reseña:

Se estás lendo este relato por orde cronolóxica e pensas que os primeiros tres anos da carreira profesional de Bob Dylan foron frenéticos, vai poñendo o cinto. En 1965 o noso home enchufou a Stratocaster e puxo todo patas arriba. Dylan convulsionou o panorama musical ao editar dous dos mellores e máis influíntes álbumes de todos os tempos, e iniciar ademais unha serie de actuacións que o converteron, xa para sempre, na maior figura individual do rock. Se temos en conta a competencia que existía a mediados dos anos 60, o seu mérito adquire proporcións épicas.

Pero vaiamos pouco a pouco, nós que podemos. Publicado Another Side Of Bob Dylan a comezos de agosto de 1964, Bob Dylan pasa o resto do verán en Woodstock, a dúas horas escasas por estrada de Nova York en dirección norte, onde o seu axente, Albert Grossman, ten unha casa en metade do bosque. Joan Baez, que se instala alí tamén durante varias semanas, lembra a Bob sentado diante dunha vella máquina de escribir a meirande parte do tempo, sempre cun paquete de cigarros e unha copa de viño tinto á man. Os biógrafos coinciden en que son os días nos que Dylan acaba de pulir Mr. Tambourine Man (que xa gravara e descartara para o seu último traballo), e comeza a compoñer dúas pezas máis do mesmo calado poético e surrealista, tituladas Gates Of Eden e It’s Alright, Ma (I’m Only Bleeding). Tamén escribe outro tema moito máis desenfadado, If You Gotta Go, Go Now (Or Else You Gotta Stay All Night), que acabará deixando fóra do seu seguinte elepé, aínda que o interpeta varias veces ao vivo e mesmo chega a editarse como single en Holanda, Bélxica e Luxemburgo.

620

Descarte da sesión fotográfica para a cuberta do álbum (Daniel Kramer)

O 28 de agosto Dylan regresa á cidade para coñecer os Beatles en persoa. Do encontro trascende como anécdota oficial o primeiro porro de marihuana que fuman os catro de Liverpoool, convidados polo noso home. Dylan sorpréndese da escasa bagaxe dos Fab Four en materia psicotrópica e pregúntalles por que  aseguraban “colocarse” daquela na letra de I Want To Hold Your Hand, un dos seus primeiros éxitos. John Lennon acláralle que onde Dylan entendera “I get high”, el cantaba en realidade “I can’t hide” (non o podo ocultar). Pero, curiosidades aparte, aquela reunión informal e amistosa acabou resultando do máis construtiva, case poderíamos dicir que crucial para todas as partes: motivou, dunha banda, os Beatles para escribir de aí en diante con outra perspectiva e ambición, evitando tópicos e relatos superficiais. E acabou de convencer a Dylan de que as súas producións precisaban enriquecerse no plano melódico e instrumental. A súa amizade co grupo, en particular con Lennon e George Harrison, mantívose sólida co paso dos anos.

En decembro, Bob Dylan está listo para gravar de novo. Tom Wilson convénceo de probar nun estudio diferente, a Igrexa,  tamén propiedade de Columbia. Situado en 30th Street entre a Segunda e a Terceira Avenida, o inmoble debe o seu nome ao templo presbiteriano que acolleu anos atrás. É o lugar no que Leonard Bernstein producira a banda sonora da película West Side Story en 1957 e Miles Davis o seu traballo máis recoñecido, Kind Of Blue, apenas dous anos despois. Xa en 1979, Pink Floyd facturarían no mesmo lugar o dobre álbum conceptual The Wall. Pero o experimento de Wilson e Dylan acaba en fracaso estrepitoso. The Animals acaban de colleitar un gran éxito co seu cover de House Of The Risin’ Sun (baseado no arranxo que Dylan lle roubara a Dave Van Ronk e empregara no seu álbum de debut). A idea soa máis que bizarra hoxendía, mais cómpre aclarar que a Wilson lle deu moi bos resultados con The Sound Of Silence de Simon & Garfunkel: á pista vocal do tema, gravada por Dylan en 1962, engadiulle o son dunha banda de rock na liña dos discos de Fats Domino. Descartada de inmediato (probablemente xa ese mesmo día), a versión eléctrica de Risin’ Sun recuperouse como bonus track en 1995 para o CD Rom (formato máis que obsoleto a día de hoxe) Highway 61 Interactive.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Con todo, non cunde o desánimo. Bob Dylan sabe perfectamente o que quere facer. De feito, malia que acabará indo moito máis aló, ten outro punto de referencia. O son que busca é, en boa medida, o de So Many Roads, o álbum de blues que o seu amigo John Paul Hammond (fillo do seu primeiro padriño en Columbia) gravara meses atrás e está a piques de publicar. Para ese elepé, Hammond recluta unha banda de virtuosos moi pouco refinados, que descobrira mentres tocaban nun bar de Toronto, uns tipos que daquela se facían chamar The Hawks e que acabarían por ter un papel capital na carreira de Dylan, e escribindo a súa propia páxina nos libros cando pasaron a ser, simplemente, The Band. En So Many Roads tocaba o piano un mozo que Hammond fillo tamén lle recomendou a Dylan: Mike Bloomfield, que en realidade era guitarrista. Todos eles entrarán en escena nestas páxinas un pouco máis adiante, pero creo que é ilustrativo (e de xustiza) referir cando e a través de quen os coñeceu o noso protagonista.

Tralo fiasco na Igrexa e as festas de Nadal, Bob Dylan retorna o 13 de xaneiro de 1965 ao seu estudio fetiche nas instalacións da CBS na Sétima Avenida e completa en solitario unha sesión da que tampouco sairá ningún material para Bringing It All Back Home. Porén, tres das dez cancións que rexistra ese día acompañándose tan só da guitarra acústica ou o piano acabarán vendo a luz nun futuro: I’ll Keep With Mine (a peza da que Nico aseguraba ser fonte de inspiración) en Biograph (1985); e Farewell Angelina e Subterranean Homesick Blues en Rare & Unreleased, a primeira entrega de The Bootleg Series (1991).

Ao día seguinte, 14 de xaneiro, o traballo trasládase ao Estudio B, onde Tom Wilson convoca tres guitarristas: Bruce Langhorne, Al Gorgoni e Kenny Rankin; dous baixistas, Joseph Macho Jr. e Bill Lee; o pianista Paul Griffin e o batería Bobby Gregg. Langhorne era un vello coñecido de Dylan desde os días de The Freewheelin’, Gorgoni colaboraba con Carole King e acabaría involucrado na gravación de éxitos como o xa citado The Sound Of Silence (tamén producido por Wilson), Brown Eyed Girl de Van Morrison ou I’m A Believer de The Monkees. Pola súa banda, Kenny Rankin procedía da nutrida escena jazzística neiorquina. Bill Lee acabaría compoñendo no futuro boa parte das bandas sonoras das películas dirixidas polo seu fillo, Spike Lee, mentres que Paul Griffin xa tiña na súa folla de servizos o éxito Will You Love Me Tomorrow de The Shirelles. Polo que se refire a Bobby Gregg (que tamén leva as baquetas na versión definitiva de The Sound Of Silence), fora compoñente eventual de The Hawks nos primeiros días da formación.

Bruce Langhorne lembra que a sesión arrancou a iso das dúas e media da tarde e que, sen ningún tipo de ensaio previo, comezaron a gravar. Dun xeito intuitivo, aprendendo as cancións sobre a marcha. Cando ás seis interromperon o traballo para cear, Dylan tiña case medio disco rematado, isto é, cinco das sete cancións que integrarían a cara A do elepé: Subterranean Homesick Blues, She Belongs To Me, Love Minus Zero/No Limit, Outlaw Blues e Bob Dylan’s 115th Dream.

Bob Dylan - Bring it all Back Home (inside2)

Photo by Hulton Archive/Getty Images

O 15 de xaneiro os mesmos músicos convocados a tarde anterior acoden ao Estudio A para a que será a sesión definitiva, coa única excepción de Paul Griffin, cuxo posto ocupa Frank Owens, outro pianista curtido no jazz, que colaborou con estrelas como Aretha Franklin e John Denver. O fotógrafo Daniel Kramer, autor da espléndida imaxe que ilustra a cuberta do disco (da que falaremos despois) e tamén das que se ven na contraportada, lembra a Dylan bulindo dun instrumentista a outro para lles explicar que quería de cada un, así como unha sensación de euforia colectiva, de entusiasmo conforme as composicións ían tomando forma. Comezaron con Maggie´s Farm, que quedou lista na primeira(!) toma, e despois On The Road Again e If You Gotta Go, Go Now (que, como dixemos, sería descartada). Coa primeira cara do vinilo completada (Dylan sabía moi ben como quería artellar e secuenciar o seu quinto traballo), acometeron a continuación as pezas máis acústicas: It’s Alright Ma (I’m Only Bleeding), Gates Of Eden, Mr. Tambourine Man e It’s All Over Now, Baby Blue.

Dada a relevancia que ten Bringing It All Back Home na traxectoria do seu autor e as propias características do álbum, considerei oportuno agrupar as cancións, clasificalas estilísticamente na medida do posible á hora de entrar a glosalas. O primeiro paquete estaría composto polos temas máis rockeiros e ruidosos, os que máis chaman a atención nunha primeira escoita, e os que máis deberon de desconcertar os vellos fans de Dylan:

En palabras de Andrew Muelle, da revista británica Uncut, Subterranean Homesick Blues é algo así como Jack Kerouac pasado polo tamiz de Chuck Berry. O propio Dylan confesou anos máis tarde que o tema bebe moito de Too Much Monkey Business, unha das súas cancións favoritas de Berry. Durante dous minutos e medio sen tregua, o autor sométenos a un bombardeo mordaz no que vai brincando sobre todos cantos charcos atopa ao seu paso, desde o consumo de drogas ás manifestacións contra a Guerra de Vietnam: “Naces, mantés a calor, pantalóns curtos, romance, aprendes a bailar, pos a roupa, recibes a bendición, procuras acadar o éxito, comprácea, compráceo, merca agasallos, non roubes, non espolies, vinte anos de formación académica e póñenche no turno de día. Ollo, rapaz, téñeno todo oculto. Máis che vale saltar dentro dun sumidoiro. Prende ti mesmo unha candea, intenta evitar os escándalos, non queiras ser un moinante, mellor será que masques chicle. A bomba de auga non funciona porque os vándalos levaron as manivelas”. Precursora do xénero do hip hop para moitos, Subterranean abre o disco causando un efecto semellante ao dunha fiestra de avión rebentada en pleno voo: de súpeto, todo vai nesa dirección, é imposible que nos pase inadvertida. Funcionou tamén como single, formato no que se editou o 8 de marzo, pouco antes que o álbum: supuxo o primeiro top ten de Dylan nas listas británicas e acadou o posto 39 no Billboard estadounidense. Pero, ademais, Subterranean é unha peza icónica como poucas desde o punto de vista audiovisual. O plano secuencia filmado por D.A. Pennebaker ao comezo do seu documental Don’t Look Back (non estreado ata 1968) e unha obra de arte en si mesma e está considerada o primeiro videoclip da historia do rock. Nel, Bob Dylan vai deixando caer unhas cartolinas nas que lemos algunhas das palabras chave da letra da canción, conforme as imos escoitando. A idea foi do propio Dylan, que fixo os letreiros coa axuda do cantautor escocés Donovan Leitch, o poeta Allen Gingsberg e Bob Neuwirth, home de confianza de Dylan naquela época, a quen vemos xunto a Gingsberg facendo un cameo ao fondo da imaxe. O vídeo, imitado e recreado un millón de veces, rodouse no mes de maio de 1965 detrás do Hotel Savoy de Londres, onde se aloxaba toda a comitiva, de xira polo Reino Unido. Por todo isto, non deixa de resultar sorprendente que o seu autor apenas acumule un cento de interpretacións en directo dun tema tan emblemático, recreado por artistas como Harry Nilsson ou Red Hot Chili Peppers. Como xa comentamos, desde 1991 hai unha segunda versión (acústica) publicada oficialmente no triple volume co que Columbia inaugurou as Bootleg Series.

Maggie’s Farm merece unha consideración moi semellante á anterior. Foi a primeira canción eléctrica que Bob Dylan tocou nun concerto (o Festival de Newport de 1965, do que falaremos máis adiante), e tamén se publicou en formato single o 4 de xuño cun percorrido estimable (chegou ao posto 22 no Reino Unido), pero que evidencia algo que xa dixemos nestas páxinas: que a categoría e relevancia artística de Dylan van moito máis aló das súas vendas. Maggie’s pode considerarse unha canción protesta contra a canción protesta, a Declaración de Independencia do seu autor respecto do movemento folk: “Dou o mellor de min mesmo para me amosar tal e como son, pero todo o mundo pretende que sexas como eles. Dinche que cantes mentres te teñen escravizado, pero xa estoy aburrido”. Este exercicio de blues rock acelerado, que Tim Riley define como o “grito de guerra da Contracultura”, axusta contas ademais con algúns dos estereotipos folkies (o promotor inhumano, o militante paranoico). Tivo moita máis presenza nos sets ao vivo do seu autor, que acumula máis dun milleiro de recreacións sobre os escenarios de todo o mundo. Algunhas están incorporadas ao seu catálogo: a de Newport 65, aínda máis apurada e desafiante que a do elepé, incluiuse en No Direction Home (The Bootleg Series vol. 7). A de At Budokan (1979) exhibe o arranxo, a medio camiño entre o funk e o hard rock, da xira do ano anterior. E en Real Live (1984) atopamos unha meritoria aproximación ao orixinal, vinte anos despois. Canto ás versións alleas, a miña favorita é de longo a de Solomon Burke. Pura dinamita soul.

 

One Man Band

Photo by Hulton Archive/Getty Images

En Outlaw Blues apreciamos mellor que en ningunha outra peza a influencia de So Many Roads,  o disco de John Hammond Jr. con The Band: blues de doce compases, tan académico como vibrante, coa voz de Bob Dylan en plenitude. O título resulta revelador porque iso é xusto o que quere, ser un fóra da lei, ir pola súa conta, levar unha vida bohemia, non predicible, sen ligazóns non desexadas… cantas veces tiña que repetilo? Na estrofa con máis chicha, volve golpear co seu novo estilo: “Levo as miñas gafas de sol escuras, e o meu dente negro da sorte. Non me preguntes nada sobre nada, pode que che respondese a verdade”. A única versión en directo deste tema trasládanos ao mítico Ryman Auditorium de Nashville, un dos templos do country, no ano 2007, con Jack White como convidado especial.

Inédita en concerto, On The Road Again é outro blues rock, pero máis pantanoso que Outlaw, na liña que John Fogerty emprenderá coa Creedence Clearwater Revival poucos anos despois. Dylan homenaxea no título a novela fundacional do movemento beat, No Camiño, de Jack Kerouac, e narra un pesadelo no que ten que lidiar cunha sogra que se agacha no frigorífico, un sogro que leva unha máscara de Napoléon, e outros parentes políticos que o ameazan ademais de desplumalo. Todo mentres descobre que hai batracios que viven nos seus calcetíns. O verso que atopamos xusto ao final resulta máis doado de interpretar: “Ela pregúntane por que non vivo aquí. Eu respóndolle ‘nena, como é que ti aínda non te mudaches?”.

A outra canción que podemos agrupar coas anteriores é Bob Dylan’s 115th Dream, unha reescritura surrealista da conquista de América nun barco de vapor no que o capitán garda sospeitosos paralelismos co Ahab de Herman Melville en Moby Dick. Tan divertida como Motorpsycho Nitemare, da que toma prestada a melodía sen rubor ningún, 115th Dream comeza cun falso arranque no que os músicos non entran cando Dylan agarda, o que provoca as súas gargalladas e as de Tom Wilson. Nunha xogada mestra, o produtor decidiu non editar ese momento, que documenta o nivel de improvisación coa que se xestou o disco, e a esixente camaradería coa que Dylan trataba os seus instrumentistas. Apenas constan seis interpretacións ao vivo nestes cincuenta anos transcorridos, todas entre o 13 e o 19 de outubro de 1988. A última vez que Dylan entoou iso de “Cando xa marchaba da baía vin chegar tres barcos máis. Pregunteille o nome ao capitán e por qué non conducía un camión, dixo que se chamaba Colón e eu desexeille boa sorte” foi no Radio City Music Hall de Nova York, no derradeiro concerto da xira daquel ano.

Habería, ao meu xuízo, un segundo grupo de cancións en Bringing It All Back Home. Aquelas nas que, baixo unha aparencia enganosamente familiar, a de Dylan apoiándose apenas na guitarra acústica, levan a súa linguaxe poética a niveis ata entón descoñecidos na música popular. Pezas nas que perfecciona a técnica xa avanzada en Chimes Of Freedom ou My Back Pages e deixa o listón a unha altura inalcanzable para o resto dos mortais. A primeira delas é, por suposto, Mr. Tambourine Man, gardada con mimo durante meses ata que o autor deu coas palabras exactas e a toma definitiva. Asociouse sempre aos efectos do consumo de LSD (co vendedor de droga ambulante representado na figura do Home da Pandeireta). Sen chegar a desmentilo de todo, Dylan explicou nunha entrevista na década dos 80, que a idea naceu da contemplación dunha enorme pandeireta turca de pel de ovella coa que andaba sempre Bruce Langhorne (o único que acompaña a Dylan e á súa acústica na gravación, tocando outra guitarra). Langhorne confirma a posesión do exótico instrumento e a súa teima de levalo a todas partes naqueles tempos. Con Tambourine Man, onde volvemos seguir o rastro de Rimbaud, Bob Dylan inventa a psicodelia, realiza sen sabelo a primeira viaxe dunha corrente que pouco tempo despois comezará a tinguilo todo de cores estridentes: “Faime desaparecer a través dos aneis de fume da miña mente, polas neboentas ruínas do tempo, máis aló das follas xeadas,  das árbores enfeitizadas, onde a praia ventosa, lonxe do alcance retorcido da tristura…”. Aínda que, por suposto, os que máis venderon foron os Byrds, que levaron a súa versión ao número 1 en ambos os dous lados do Atlántico). Dylan recuperouna no seu catálogo para abrir o directo At Budokan, nunha gran versión (con frauta!) que ao longo da xira do 78 foi perdendo atractivo. Tamén a atoparás nos volumes 4, 5 e 6 das Bootleg Series, nos tres casos en versións acústicas interpretadas en solitario. A primeira gravación coñecida, a da sesión de Another Side con Jack Elliott, aparece na sétima entrega da mesma saga, e foi a que recibiron os Byrds nun acetato, antes de se  decidir a apostar por ela. Malia que a tocou en máis de 900 recitais, Dylan non volveu sobre ela desde 2010.

pr_60s_kramer_recording_bring_27513_1606291729_id_1063672.png

Foto: Daniel Kramer

Gates Of Eden, gravada por Bob Dylan en solitario nunha única toma, como nos vellos tempos, avanza polos mesmos camiños de mirada interior, onírica e carente de lóxica aparente a través de frases fermosas e á vez fatalistas, que flúen sobre unha melodía máis escura, case triste, que reflexiona sobre a inocencia (ou a inmadurez) de toda unha xeración, a súa: “Os reis da Experiencia podrecen no seu precioso vento, mentres os miserables intercambian posesións, cada un desexando o que ten o outro. E o Príncipe e a Princesa discuten o que é real e o que non o é, aínda que non importa de portas do Edén para adentro”. Gates, unhas das primeiras pezas escritas por Dylan para Bringing It All Back Home, como xa dixemos, foi tamén a cara B do single Like A Rolling Stone meses máis tarde. A imaxinería despregada, esa sociedade decadente e corrupta que vai describindo, ten como base o poema The Gates Of Paradise de William Blake. Dylan, verémolo co paso das páxinas, é un tipo de profundas inquedanzas espirituais. Neste tema apunta directamente os que, acomodados agardando polo premio da vida eterna, non se preocupan pola que aínda están vivindo. Non será a derradeira vez no disco en que reflexione sobre o asunto. Arlo Guthrie (o fillo de Woody) e Bryan Ferry gravaron algunhas das versións máis interesantes desta canción, que o seu autor tocou xa máis de 200 veces en directo ao longo destes anos. A versión do 31 de outubro de 1964 (anterior polo tanto á publicación de Bringing) está recollida no sexto volume das Bootleg Series, onde Dylan a presenta como “unha sacrílega canción de berce en re menor”.

Para falar de It’s Alright, Ma (I’m Only Bleeding) hai que partir de que se trata dun dos textos dos que máis orgulloso se sente o propio autor. Que, tras citar os primeiros versos, Bob Dylan diga que “non era posible manter ese nivel moito tempo” aclara xa moitas cousas. Sobre unha secuencia de acordes case idéntica á de Highway 51, o tema de Curtis Jones que gravara para o seu primeiro traballo (algúns expertos coinciden en que canto máis densa é a letra, menos se preocupa Dylan pola melodía que a acompaña), érguese un monumento que contén moitos dos máis célebres aforismos do autor. Como en Gates Of Eden, apunta por exemplo que “aquel que non se preocupa por seguir nacendo está perdendo o tempo ocupándose de morrer”. Tamén que “resulta doado comprobar, sen pararse a mirar demasiado, que moi poucas cousas son sagradas de verdade”. E, por suposto, para algarabía xeral cada vez que a interpretou en directo (e van case 800 veces), que “a bondade se agacha tralas súas propias portas” pero que “ata o Presidente dos Estados Unidos ten que estar espido nalgún momento”. O tema está, por exemplo, a anos luz dun himno anterior do calado de The Times They Are a-Changin’. Escoitamos a mesma voz, si, co mesmo acompañamento sobrio, unha guitarra acústica. Pero nada queda daquel espírito profético. A realidade (a actual e a inminente) xa non soa esperanzadora. Mais hai algo hipnótico e seductor no pesimismo cru deste novo Bob Dylan (que aínda non ten 25 anos, como el mesmo se encargará de lembrarnos nun tema que finalmente deixará fóra do álbum).

It’s Alright, Ma forma parte dese lote de cancións que Dylan completou no verán do 64, as primeiras concebidas para Bringing It All Back Home. Estreouna en directo en setembro dese ano en Philadelphia, unha vez máis, cando aínda estaba inédita. Desde entón xa son preto de 800 as veces que a tocou ao vivo, entre as que figuran varias recollidas na súa discografía: a de Before The Flood (1974) mantense nos parámetros acústicos da orixinal, pero incrementa a súa dose de rabia e indignación, e con ela, a velocidade. A de At Budokan (1979) revela un arranxo soul (con protagonismo para a sección de metais da banda) digno do mítico selo Stax. En The 30th Anniversary Concert Celebration (1993) atopamos unha fantástica lectura desde a madurez e, pola contra, no volume 6 das Bootleg Series (2004), unha versión embrionaria, pois recolle a actuación do 31 de outubro de 1964, anterior á publicación do álbum.

dylan-at-the-final-biabh-session

Foto: Daniel Kramer

Finalmente, no seu quinto traballo de longa duración, Bob Dylan supérase a si mesmo tamén como baladista e factura algunhas cancións de amor sublimes. É o caso de She Belongs To Me, na que o autor establece un astuto contraste entre a desidia coa que finxe cantar e a delizadeza coa que os músicos que o acompañan executan a peza. O narrador semella pouco conforme con aquelo que afirma na letra, pero moito menos aínda con si mesmo, por verse tan enganchado á muller da que fala. Xa que logo, o título resulta enganoso: ela non lle pertence en absoluto, máis ben ao contrario. E de quen se trata? Volve haber distintas opinións ao respecto. Algúns apuntan a que en todas as cancións sentimentais de Bringin’ a musa é Sara, sempre Sara, a que poucos meses máis tarde se vai converter na esposa de Dylan. Outros, como o músico John Cale, aseguran que a protagonista é Nico, a súa compañeira na primeira formación de The Velvet Underground. E hai tamén algúns que  sinalan como pista definitiva o anel de apariencia exótica co que Dylan agasallara a Joan Baez. Na letra de She Belongs To Me escoitamos falar dun “anel exipcio que reloce antes de que ela fale”. No apartado formal, a característica máis particular desta canción é a da estrutura das estrofas, coas dúas primeiras liñas repetidas e unha terceira, máis longa, a modo de conclusión. Se nunca a escoitaches e buscas a letra, pensarás que se trata dun blues: “Ten canto precisa, é unha artista, nunca mira para atrás. Ten canto precisa, é unha atista, nunca mira para atrás. É quen de extraer a escuridade da noite e pintar o día de negro”. Columbia tamén o entendeu así e incluiuna no recompilatorio Blues que publicou no 2006, xunto algunhas outras composicións do autor adscritas a este xénero. Antes, She Belongs To Me aparecera no álbum Self Portrait (1970), na versión ao vivo gravada no Festival da Illa de Wight do ano anterior, fermosa pero con moito menos encanto que a de Bringing. Máis próxima a esta é a documentada en No Direction Home: The Bootleg Series vol. 7, gravada tamén no estudio en 1965 pero sen batería. Cunhas 400 interpretacións ao longo de medio século, She Belongs é unha das poucas cancións dos anos 60 que Dylan mantén no seu set dos últimos anos, centrado no material dos seus traballos máis recentes. Entre as versións de outros artistas, que son moitas, coido oportuno salientar as de Leon Russell, Grateful Dead, Billy Preston e The Flying Burrito Brothers.

O número de veces que Bob Dylan tocou Love Minus Zero/No Limit en concerto é bastante semellante. Inspirada (aquí non existe dúbida) en Sara, a canción fala das paradoxas do amor (“Sabe que non hai éxito como o fracaso, e que o fracaso non é exitoso en absoluto”), dos mecanismos dunha sociedade se cadra menos libre do que ela mesma cre (“a xente le libros, repite citas e escribe nas paredes as súas conclusións”) e, sobre todo, desa muller sabia e agarimosa que “sabe demasiado como para xulgar ou discutir”, que “fala como o silencio, sen violencia nen fanatismos” e que lle aporta a paz necesaria para sobrevivir. Taciturna, deliciosa, Love Minus Zero basea o seu atractivo melódico nunha secuencia de tres acordes descendentes que se repiten de principio a fin. No texto, algo de Poe (ese corvo apoiado na ventá), algo de Blake outra vez e mesmo referencias bíblicas, como “as estatuas feitas con mistos que se desmoronan”, igual que as de Nabucodonosor na profecía do Libro de Daniel. A versión orquestada de At Budokan transmítenos un sentimento algo máis optimista, menos melancólico. E xusto o contrario sucede coa que se gravou para o MTV Unplugged (extremadamente lenta e incluída só nas edicións europeas do álbum). En 2005 incorporouse ao corpus a única recreación oficial na que Dylan non bota man de ninguén. Na xira The Rolling Thunder Revue (1975) había momentos nos que quedaba so sobre o escenario. Así o escoitamos nesa quinta entrega das Bootleg Series. E tamén está publicada (malia non tratarse dun álbum de Bob Dylan) a fermosa lectura que fixo no Concert For Bangladesh organizado polo beatle George Harrison no Madison Square Garden, en 1971. Entre as versións de outros artistas, destacan as de The Turtles, Jackson Browne e, unha vez máis, Rod Stewart. E habería que elevar neste punto unha queixa formal ante a CBS pola omisión (segundo as notas do disco, debida a “problemas técnicos na gravación”) do marabilloso enfoque que Eric Clapton lle deu no 30th Anniversary Concert Celebration.

Bringing It All Back Home péchase coa que tamén foi a derradeira canción que se gravou, It’s All Over Now, Baby Blue, unha (outra!) carta de despedida que tamén podemos entender como unha mensaxe dirixida por Dylan a si mesmo. En termos sentimentais estariamos ante unha balada triste e deliciosa sobre unha parella que, tras o deterioro progresivo da súa relación, xa irreversible, decide por fin separarse. Pero a canción tamén encaixa con naturalidade se a interpretamos na liña xeral do álbum, a do rexeitamento do folk politizado, unha vida anterior da que Dylan xa se liberara en Another Side, e coa que volve marcar distancias por enésima vez: “Deixa atrás os teus cimentos”, “esquece os mortos que deixas atrás, eses non pensan seguirte”, “prende un misto novo, comecemos de novo”… Unha sucinta liña de  baixo de Bill Lee acompaña o autor na súa declaración, case un exhorto ao empregar en todo momento a segunda persoa: “Debes partir xa, colle o que necesites, aquelo que penses que perdurará; mais sexa o que sexa, será mellor que o tomes enseguida”. Os demais consellos que Dylan vai deixando caer están impregnados tamén dese mesma idea de eu xa estiven aí, ese lugar non te convén: “A autopista está infestada de tramposos, así que ten sentidiño”. A galería de personaxes que apenas asoman a cabeza (avance do que será outra peza capital escrita poucos meses máis tarde, Desolation Row) acaban por elevar Baby Blue a categoría de clásico. Polos seus versos aparecen mariñeiros mareados de tanto navegar, un pintor arruinado, un orfo que porta un arma, un amante que acaba de saír aínda pola porta e un sen teito que agora merodea por alí e leva as mesmas roupas que noutro tempo foron túas. Cousa seria. Só dúas das máis de 500 versións en directo de Baby Blue que acumula Dylan forman parte da súa discografía. As dúas son sentidas interpretacións en soltario, a primeira gravada en Manchester en maio de 1966 (incluída en Biograph 1985 e tamén en The Bootleg Series vol. 4), e a outra, de finais de 1975 (recollida na quinta entrega das Bootleg). Outra versión de estudio, con leves variacións na letra pero co mesmo arranxo que a orixinal, aparece en No Direction Home, o sétimo volume desa saga. Dúas damas do folk como Joni Mitchell e Marianne Faithfull souberon facer súa Baby Blue, malia que o cover más célebre é o dos Them de Van Morrison, que foi un éxito no que daquela se chamaba Alemaña Occidental.

Wilson-Dylan-1965

Bob Dylan e Tom Wilson nun descanso da gravación. Foto: Daniel Kramer

En todos os mellores elepés de Bob Dylan (e Bringing é, sen dúbida ningunha, un deles) houbo sempre descartes de primeiro nivel, cancións que calquera outro artista estaría orgulloso de asinar, e das que só fomos sabendo (nalgúns dos casos) grazas aos grandes recompilatorios editados por Columbia, en particular as xa moi mentadas Bootleg Series, eses discos piratas oficializados aos que lle dedicaremos un capítulo máis adiante. En Rare & Unreleased (1991), que aúna as tres primeiras entregas, recuperáronse If You Gotta Go, Go Now (nunha versión diferente á que se publicara como single no seu día nos países do Benelux), Farewell Angelina e Sitting On A Barbed Wire Fence. A de I’ll Keep It With Mine, escrita na mesma etapa, procede das sesións de gravación de Blonde On Blonde, en xaneiro de 1966, pero hai outra versión anterior, acústica, recollida en Biograph (1985). Menos sorte tivo You Don’t Have To Do That, apenas un prometedor esbozo que non chega nin a un minuto de duración, inédito ata o momento.

Ao derrubar a porta do rock dun xeito tan persoal, Bob Dylan consegue que o seu talento individual saia airoso como ferramenta clave dun álbum no que a tradición segue aí, conserva un peso significativo, pero sometida ao estilo do autor e non ao contrario. Unha primeira cara con sete temas de distinta pelaxe pero interpretadas co respaldo dunha banda punzante e, por momentos, ruidosa. E un reverso moito máis trovadoresco, con catro pezas semiacústicas dun lirismo sen precedentes nas que Dylan fala do que quere e deixa claro que non lle preocupa se os demais xa non o entenden. Verdadeiro punto de inflexión na historia da música moderna, a cuberta de Bringing It All Back Home merece tamén un comentario. Daniel Kramer asina unha marabillosa síntese visual do que imos escoitar ao desenfundar o vinilo. A través dun efecto coñecido como ollo de pez, que evoca o que vemos a través da mira dunha porta, Dylan agárdanos do outro lado, sentado no sofá dunha sala de estar chea de pequenas mensaxes máis ou menos cifradas. Sentado no colo está o seu gato, Rolling Stone, e detrás, nunha postura moito máis insinuante e relaxada, vemos unha atractiva muller vestida de vermello (Sally Grossman, a esposa do seu mánager). Ao redor destes tres seres vivos, toda unha serie de elementos estratéxicamente situados: un exemplar da revista Time co presidente na portada, unha harmónica que repousa sobre o cartel dun refuxio nuclear, un pallaso pintado polo propio Dylan (que ata o día de hoxe non deixou de cultivar estoutra vocación artística, con desiguais opinións respecto das súas habilidades) e discos de soul (The Impressions), música hindu (Ravi Shankar), burlesque (Lord Buckley), blues (Robert Johnson) e folk (Eric Von Schmidt, que aparece nunha pose que Dylan calcará para a cuberta dun elepé posterior). Tamén unha copia do seu propio álbum anterior, Another Side Of Bob Dylan, que emerxe tralo brazo esquerdo de Sally Grossman, quen por certo aparece fumando. Curioso que non o faga tamén o propio autor, consumidor compulsivo de nicotina en filtro. Nada é casual na imaxe de Kramer, todo semella milimétricamente estudado e, porén, imposible de explicar. Fermosa e enigmática, como as mellores cancións de Dylan.

Dylan

Foto: Daniel Kramer

Hai moitas carreiras recoñecidas no mundo da música, carreiras sólidas e  respetables, de moitos anos, de artistas que xamais fixeron nin farán un álbum que se poida comparar a Bringing It All Back Home. Sarcástico, apaixonado, personal e universal, acústico e eléctrico, cando o elepé chegou ás tendas de discos, Bob Dylan acababa de rematar unha xira con Joan Baez na que, por primeira vez, a estrela indiscutible fora el. Aínda sen banda ás súas costas, o vello-mozo-esponxa que absorbía (e, segundo algúns, mesmo saqueaba) canto podía convertérase na maior referencia individual da música americana. Joan volvería acompañalo no mes de maio nun novo tour, desta volta polo Reino Unido, pero non chegaría nin a pisar o escenario. Dylan (que antepuxo en todo momento a súa carreira á intermitente relación sentimental entre ambos) deixaría pasar dez anos antes de volver requerir a presenza da Raíña do folk ao seu carón diante do público. Toda unha vida. Ou máis dunha, no caso do noso protagonista.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s