Another Side Of Bob Dylan: As apariencias levan ao engano

A cita:

“Era moito máis vello entón do que son agora” (My Back Pages)

bob_dylan-another_side_of_bob_dylan-frontal

A ficha:

Publicado o 8 de agosto de 1964

Gravado en Nova York o 9 de xuño de 1964

Produtor: Tom Wilson

Selo: Columbia

Os músicos:

Bob Dylan: voz, guitarra acústica, piano e harmónica

As cancións:

  1. All I Really Want to Do ****
  2. Black Crow Blues ***
  3. Spanish Harlem Incident ***
  4. Chimes of Freedom ****
  5. I Shall Be Free No. 10 ***
  6. To Ramona ****
  7. Motorpsycho Nitemare ****
  8. My Back Pages *****
  9. I Don’t Believe You (She Acts Like We Never Have Met) ****
  10. Ballad in Plain D **
  11. It Ain’t Me Babe *****

As vendas:

O número 8 foi o posto máis alto que acadou nas listas británicas. Nos Estados Unidos as vendas foron bastante peor e non pasou do 43.

A reseña:

A segunda gran etapa na carreira de Bob Dylan comeza con nocturnidade e nunha atmósfera relaxada, sen estridencias. Pero comeza, diso non hai dúbida. O seu cuarto traballo gravouse nunha soa noite, nunha única sesión que en realidade ocupou dous días, pois comezou pouco despois das sete da tarde do 8 de xuño e rematou, pasada a unha e media da madrugada do 9 de xuño de 1964, coa toma definitiva de My Back Pages, o derradeiro tema que se rexistrou.

No Estudio A das oficinas de Columbia Records na Sétima Avenida de Nova York, nada sorprendente en apariencia: Bob Dylan, a súa guitarra acústica e harmónicas, e un piano que el mesmo tocará nun dos once cortes do disco. Tamén hai, segundo aseguran os biógrafos, un par de boas botellas de excelente viño tinto francés.  E aos mandos, do outro lado da peceira, Tom Wilson. Nun momento determinado deixarase caer tamén por alí Ramblin’ Jack Elliott, pero a súa contribución, limitada a un dos descartes do álbum, tardará moitos anos en ser oficialmente publicada.

En Another Side of Bob Dylan, o artista (ao que nunca lle gustou o título que Columbia escolleu para o álbum) enterra a canción protesta; non aínda o folk en termos formais, como acabamos de ver. De paso, recupera tamén a súa vella retranca. Escoitámolo rir abertamente xa no primeiro tema, un dos máis reveladores. E asistimos de seguido a relatos delirantes cargados da ironía que caracterizaba moitas cancións de The Freewheelin’. Neste novo elepé non hai, pola contra, nin unha soa canción-dedo acusador, tal e como o propio Dylan recoñece nunha entrevista no New Yorker. Bueno, en realidade hai unha, pero non garda relación ningunha nin coa política nin coas demandas de ningún colectivo social.

No apartado lírico, o álbum non ten nada que ver tampouco con The Times They Are a-Changin’. Está sementado de avisos a navegantes e de avances de por onde van ir as cartas que xogue nas próximas bazas. Humor surrealista e poesía densa e simbólica son os dous piares argumentais dun disco individualista e austero (quizais en exceso), que puido quedar aínda mellor de sacrificar parte da súa espontaneidade en beneficio dun maior empaque nos temas máis serios. En calquera caso, o cambio de marcha intúese inmimente, Dylan está a piques de acelerar e cando o faga non volverá mirar atrás. Hai meses que o seu niño en Greenwich Village lle quedou pequeno. É hora de soltar lastre e voar; ninguén o imaxina (nin el mesmo), pero cando o faga ha desencadear unha auténtica revolución. Non a que os seus seguidores máis puristas levan lustros agardando (e pedíndolle a el expresamente os dous últimos anos), senon unha revolta estritamente musical, artística, encabezada por unha soa persoa: un tipo que, canso de escribir para a xente, de aquí en diante só escribirá as cancións que el necesite botar fóra. As primeiras quedan inmortalizadas aquela noite de xuño. Once acabaron no disco e outras catro foron descartadas.

Como terminará recoñecendo co paso do tempo, Bob Dylan abrazou o folk á súa chegada a Nova York por puro pragmatismo: era máis doado abrirse camiño cargando cunha guitarra e quedando desde un primeiro momento con todos os beneficios, que buscar entre un océano de xente descoñecida os compañeiros axeitados para formar unha banda. Con todo, o seu desexo de triunfar no rock and roll remontábase aos anos nos que escoitaba a Bill Haley e Little Richard pola radio e soñaba con voar lonxe da súa Minnesota natal. Teñamos isto en mente á hora de imaxinar a viaxe duns 20 días que realiza cinco meses antes de gravar Another Side, en febreiro de 1964. Acompañado polos seus amigos Paul Clayton, Pete Karman e Victor Maymudes, Dylan recorre os Estados Unidos de punta a punta cunha idea fundamental, segundo sostén o biógrafo Clinton Heylin: atopar  a inspiración máis aló do corsé musical no que se está a mover desde o seu primeiro álbum. Durante ese percorrido polas estradas da América profunda, os Beatles desembarcan por primeira vez no país e comezan a soar en todas as emisoras de radio. Dylan queda fascinado coa súa proposta, coa súa enerxía, coas súas harmonías (non tanto coas súas letras, claro). E resulta que a admiración é recíproca sen chegar sequera a coñecerse aínda, pois semella probado que cando os de Liverpool cruzan o Atlántico levan semanas escoitando un álbum titulado The Freewheelin’ Bob Dylan do que (especialmente George Harrison e John Lennon) admiran a beleza das súas letras e o poder hipnótico da voz do seu autor. Á espera dun futuro encontro persoal que será mitificado nos libros, Bob Dylan e os Beatles inician un proceso de mutua absorción. Cando en marzo Dylan regresa a Nova York, o primeiro que fai é alugar unha guitarra eléctrica. Mentres, a súa relación con Suze Rotolo agoniza. Dylan, noutro tempo dependente dela ata o extremo, está cada día que pasa máis preto de Joan Baez, a Raíña do folk. O seu romance nunca será oficial pero si indiscutible.

douglas-gilbert-1964

Foto: Douglas Gilbert

Coa súa vida sentimental e artística afrontando novos roteiros, Bob Dylan comeza a probar algunhas substancias psicotrópicas que tamén han xogar un papel destacado no seus vindeiros traballos. Nese contexto, e sen perder o tempo en ningún sentido, emprende unha breve xira británica e viaxa despois a París, onde coñece a Christa Paffgen, modelo alemá que acabará tomando o nome artístico de Nico. Paffgen (que por imposición de Andy Warhol acabaría incorporándose ao álbum de debut de The Velvet Underground, a mítica banda coa que Lou Reed se deu a coñecer en 1967), acompaña a Dylan primeiro ao seu país natal e despois a Grecia. De vacacións nunha pequena vila do extrarradio de Atenas, o noso home acaba de pulir moitas das cancións de Another Side e tamén algunhas outras que deixou fóra, como Mama, You Been On My Mind ou I’ll Keep It With Mine que, segundo Christa Paffgen, fala dela mesma e do seu bebé (cuxa paternidade ela atribuía ao actor Alain Delon, aínda que este nunca o recoñeceu). Nico gravouna no seu disco Chelsea Girl (1967).

Convertido no valor máis en alza da compañía, Columbia presiona a Dylan para que grave canto antes o novo material, que se publica xusto dous meses despois do seu paso polo estudio. O resultado comercial, un relativo fracaso ao que contribuíron críticas negativas como as de Sing Out! (que acusou a Dylan de se deixar absorber pola parafernalia da súa fama e botar a perder a sintonía que acadara cos seus fans), non fai senon reforzar a idea do autor de non levantar o pé e seguir adiante coa súa refundación artística. Porén, seguiu sumando popularidade e seareiros aparentemente satisfeitos co simple feito de escoitaren novas composicións que en apariencia seguían na liña do xa coñecido, por moito que as letras fosen cada vez máis persoais e, nalgúns casos, indescifrables.

O álbum ábrese con All I Really Want To Do, un tema desenfadado, sen maiores pretensións, cuxa intención latente semella a de desdramatizar precisamente ese Dylan profético e xusticieiro de The Times They Are A-Changin’, o seu disco anterior. Inspirado ao parecer na súa ruptura con Suze Rotolo, enumera todas aquelas cousas (tanto físicas como no plano psicolóxico) en que o protagonista quere evitar converterse. A cambio ofrécelle á súa interlocutora unha amizade honesta, que non é pouco: “Non busco competir contigo, nin derrotarte, enganarte ou desprezarte. Non pretendo simplificarte nin clasificarte, nin negarte, desafiarte ou crucificarte. O único que realmente quero é que sexamos amigos”. E cada vez que repite isto último, Dylan evoca outro dos seus heroes de xuventude, Jimmie Rodgers e os seus yodels, ou floreos tiroleses característicos ao cantar.

Estreada ao vivo o 26 de xullo no Festival de Newport (do que falaremos un pouco máis adiante), a versión do elepé é tan dinámica e divertida (con Dylan esforzándose, sen éxito, por conter a risa en varios momentos) que non é doado imaxinar que foi unha das derradeiras en se gravar aquela noite no estudio, despois de baleirar as dúas famosas botellas de viño. Máis serio e elegante é o arranxo do directo At Budokan (1978), cunha innegable pegada soul, que contén ademais algúns versos engadidos. E moito máis fiel ao orixinal é o de The Bootleg Series vol. 6, Live At Philarmonic Hall, gravado o 31 de outubro de 1964, e publicado corenta anos máis tarde. Polo demais, tanto The Byrds como Cher lograron senllos éxitos coas súas respectivas versións.

Black Crow Blues é a primeira gravación oficial de Bob Dylan ao piano. A medio camiño entre o blues rural e os calipsos de Harry Belafonte (a estrea discográfica profesional de Dylan foi unha colaboración coa harmónica no Midnight Special que Belafonte publicou en 1961), mantén o mesmo aire carallán: “Corvos negros no prado e na ancha autoestrada, é divertido, nena; hoxe non me sinto demasiado espantallo”. Permanece inédita en concerto.

Pola súa banda, Spanish Harlem Incident representa a primeira proba documental da fascinación do seu autor pola cultura xitana e toda a parafernalia nómada e esotérica que a rodea, algo que unha década despois levará case ata as súas últimas consecuencias. Fermosa e á vez confusa, a peza funciona como unha historieta sonora, que Dylan nunca soubo explicar de que trata máis aló do breve romance que describe esbozando o seu novo estilo descriptivo de “palmas inquedas, ollos nacarados e dentes que brillan como diamantes”. A única interpretación ao vivo ata o día de hoxe é a que recolle a sexta entrega das Bootleg Series. Os Byrds tamén gravaron a súa propia versión para incluila no seu primeiro traballo.

1964-rolling-stone

Foto: Douglas Gilbert

E chegamos a un dos pesos pesados do álbum, Chimes Of Freedom. Sen recuperar a súa vella actitude de denuncia, Dylan contenta os seus vellos fans, os puristas, cunha estupenda canción cargada de simbolismo (que por momentos evoca A Hard Rain’s A-Gonna Fall, malia que non acada a grandeza desta), na que toma como punto de partida os sentimentos e visións que inspira no narrador a observación (a cuberto!) dunha forte tormenta. A chuvia canaliza un sentimento de solidariedade extensible a todas as persoas tratadas de xeito inxusto polo mundo adiante. Hai, xa que logo, un certo contido social (pero non político) en Chimes Of Freedom, que o autor acentúa ao empregar a primeira persoa do plural por única vez en todo o álbum. Debedora tanto do consumo de certas substancias como da poesía de Arthur Rimbaud, precursor do surrealismo, sería algo así como o “Sermón dylaniano da Montaña”, en palabras do estudoso Paul Williams. Dylan comezou a escribila en xaneiro de 1964 durante unha breve estadía no Canadá, pouco antes da viaxe por estrada á que nos referimos máis arriba. Foi preciso realizar sete tomas no estudio ata conseguir a definitiva, malia que xa viña rodándose sobre os escenarios nas semanas previas. Habitual e relevante dentro do repertorio da segunda metade daquel ano, Chimes pasou pouco despois ao ostracismo ata 1987, cando Dylan decidiu recuperala nas xiras que realizou xunto a Grateful Dead e Tom Petty & The Heartbreakers. Volveu tocala en Washington en xaneiro de 1993 na proclamación presidencial de Bill Clinton, o que resulta paradóxico, pois varios biógrafos apuntan ao asasinato de JFK (o heroe persoal de Clinton) como o detontante inspirador da peza, extremo que Dylan negou sempre: “Escintilando polos guerreriros cuxas forzas non son para loitar, escintilando polos refuxiados no inerme camiño da fuxida, e por cada un dos desvalidos soldados da noite, mentres nós contemplamos os ardentes repeniques da liberdade”. A versión que Dylan realizou en Newport ’64 pouco antes de publicar Another Side foi recuperada en No Direction Home (2005), o sétimo volume das  súas Bootleg Series. Hai ademais un fermoso dueto do autor con Joan Osborne gravado en 1999, que aparece na banda sonora da película The Sixties. Á marxe, unha vez máis, da realizada polos Byrds, que na primeira etapa da súa carreira funcionaron case como un consulado dylanita na Costa Oeste, Bruce Springsteen ou Warren Zevon publicaron tamén as súas propias lecturas desta canción.

O disco volve relaxarse con I Shall Be Free No 10, un blues falado e tan disparatado como o tema case homónimo que pechaba The Freewheelin’. Aquí Dylan reta en primeiro lugar a Cassius Clay (Muhammad Ali antes da súa conversión ao Islam) a se medir no cuadrilátero; pretende xogar ao tenis cunha indumentaria estrafalaria; da conta dunha relación imposible cunha muller que o maltrata, e revela que hai amizades moi perigosas: “Teño un amigo que se pasa a vida apuñalando a miña fotografía cun coitelo de monte, soña con me estrangular cunha bufanda e cando escoita o meu nome finxe que vomita. Teño un millón de amigos así!”

Detrás de To Ramona, balada a ritmo de vals de innegables reminiscencias mexicanas que pechaba a primeira metade do elepé, adiviñamos a figura de Joan Baez. E con ela unha relación urxente, baseada no aspecto físico, a través da cal Dylan esculpe con palabras o corpo que añora. Toda a canción está impregnada de melancolía: “Os teus beizos rudos que aínda desexo bicar, tanto como sentir a forza da túa pel sobre a miña; os teus movementos magnéticos aínda atrapan os minutos que transito. Pero o meu corazón chora, meu amor, cando vexo como intentas formar parte dun mundo que xa non existe. Só é un soño, miña rula, un baleiro, unha argucia que te engana para que o sintas así”. Está Dylan advertíndolle a Baez que o seu idealismo está manipulado por outros e non conduce a ningures? Atrévese a tanto? Quen sabe… A execución do tema é, con todo, mellorable. Sobre todo a tocada coa guitarra (que ten por certo algunha corda lixeiramente desafinada). Pero ten o encanto da imperfección espontánea, unha das marcas da casa. Dous dos máis representativos grupos do que se denominou rock fronteirizo, The Flying Burrito Brothers e Texas Tornados, non deixaron pasar a oportunidade de inmortalizar tamén To Ramona, un tema ao que Dylan volve nos seus recitais con relativa frecuencia

bob-dylan-1964

Foto: Douglas Gilbert

Ao lle dar a volta ao vinilo entramos no cine, nun desternillante remake da Psicose de Alfred Hitchcock titulado Motorpsycho Nitemare, que contén o único achegamento de todo o álbum ao que podemos considerar política. Con moito humor, iso si. O narrador da historia busca abeiro nunha granxa logo dunha longa xornada de viaxe que se prolonga ata o solpor. Nun primeiro momento, o propietario da finca ameázao cun rifle ao confundilo con certo vendedor ambulante que, deducimos, ten querencia polas mulleres alleas. Pero cando o protagonista se reivindica como unha persoa educada e respectable, o granxeiro recapacita e déixao pasar a noite xunto ao fogón da cociña a cambio de que non intente aproveitarse da súa filla Rita, “que parece saída de La Dolce Vita”, e muxa as vacas á mañá seguinte. A cousa complícase cando Rita, “vestida como Tony Perkins” acode á cociña en metade da noite e lle propón ao forasteiro unha boa ducha quente. “Non, non, esa película xa a vin antes!” exclama este, que por medo á furia do pai está disposto a quedar alí ata a mañá e muxir as vacas tal e como prometeu. Pero o pesadelo vai de mal en peor e acaba forzando o seu desterro ao proclamar que lle gustan “Fidel Castro e a súa barba”. “De non ser pola liberdade de expresión”, conclúe Dylan, agudo como nunca, “o meu corpo estaría nun pantano”. A peza permanece inédita ao vivo.

Si soou en moitos recitais desde que se gravou I Don’t Believe You (She Acts Like We Never Have Met), en que que o narrador pasa da euforia dun affaire nocturno á frustración do día seguinte, cando a rapaza en cuestión decide ignoralo por completo. Pero esa historia trivial, coa que todos podemos identificarnos nalgún momento das nosas vidas, agacha unha crítica á hipocresía da xente que nos anos anteriores se achegara a Dylan por interese para despois acabar renegando del, criticándoo ou traizoándoo dalgunha maneira. Cando menos ese é o sentido que o autor lle da cando a presenta no concerto do 31 de outubro, que acabará editándose como sétima entrega das Bootleg Series: “Marcho hoxe, seguirei o meu propio camiño, non hai moito máis que poida contar do asunto. Pero se queres podo comportarme do mesmo xeito e aparentar que nunca nos tocamos. E cando alguén me pregunte se custa moito esquecer a alguén direille que o certo é que resulta moi doado, tan só hai finxir que non coñeces de nada a esa persoa”. Habitual nos concertos de Bob Dylan malia non gozar do estatus de gran clásico, no catálogo oficial de Dylan atopamos outras dúas versións apabullantes de I Don’t Believe You gravadas na xira de 1966 con The Band, durante o set eléctrico e rockeiro daqueles shows tan polémicos. A do 6 de maio en Belfast aparece no box-set Biograph (1985) e a do 17 do mesmo mes en Manchester está recollida no volume 4 das Bootleg Series.

Ese rancor que transmite a estrofa que acabamos de citar inunda por completo o seguinte corte de Another Side, a única canción cuxa publicación Bob Dylan admitiu lamentar algunha vez, e que xamais chegou a interpretar en directo. Monótona, longa en exceso (trece estrofas!) e probablemente improvisada no último momento, non ten sequera un título de verdade: Ballad In Plain D  (Balada no acorde de RE). Trátase do tema máis frouxo de todo o álbum, e quizais de toda esta etapa. Con todo, supón un documento autobiográfico impagable, por canto resume con amargura a súa historia de amor, rota xa de xeito definitivo, con Suze Rotolo. A letra revélase como un axuste de contas (seguramente inxusto) coa irmá maior de Suze, Carla Rotolo, fan declarada de Bob Dylan desde os seus comezos nos cafés de Greenwich Village que, como xa comentamos, foi quen os presentou. No seu enfado case infantil, Dylan refírese a ela con palabras moi pouco agarimosas: “Das dúas irmás, eu amaba a máis nova, que era a máis sensible e creativa, e con frecuencia o sofrido chivo expiatorio dos celos daqueles que a rodeaban. Pola parásita da súa irmá non sentía o menor respecto. Amarrada ao seu fastío, sempre orgullosa, imitaba a outra para montar unha e outra vez a escena de turno”. O máis fermoso de Pain D é a súa melodía, que Dylan toma de dúas cancións tradicionais inglesas, Once I Had A Sweetheart e I Once Loved A Lass, da que tamén arremeda algúns versos. Deixando a un lado os ataques a Carla, o tema expresa sobre todo a desolación de Bob Dylan ante a fin da primeira gran historia de amor da súa vida, que coincide ademais, máis ou menos, coa súa primeira etapa artística. Malia que non perde o tempo e vive xa outro romance con Joan Baez, Dylan sabe que nunca chegará a querela tanto como a Suze. Joan é unha compañeira, unha artista, unha amiga e unha amante máis ou menos eventual. A súa relación é máis carnal e inmediata. O noso home non volverá enamorarse de verdade ata a aparición en escena de Sara Lowndes, a que será a súa primeira esposa.

Pero non nos adiantemos aos acontecementos e completemos a semblanza de Another Side Of Bob Dylan. Xusto ao final atopamos a peza máis popular das once que compoñen o elepé, It Ain’t Me, Babe, recuperada tres anos despois no seu primeiro recompilatorio de éxitos. Espléndida na súa sinxeleza, permite facer varias lecturas. A máis obvia, no plano das relacións de parella. O narrador prefire ser honesto e deixar claro que non pode dar todo o que a outra persoa espera del, que non é quen ela busca. Algúns biógrafos sitúan a súa orixe na frustrante visita do autor a Italia en 1963, cando viaxou desde o Reino Unido para se atopar con Suze Rotolo, que xa non estaba alí. Pero precisamente porque desta volta Dylan non entra en ningún momento no terreo persoal, It Ain’t Me pode interpretarse tamén como unha nova carta de despedida pola súa parte. Cantounos Restless Farewell cando decidiu deixar atrás a canción protesta. Agora estalle dicindo adeus ao folk desde o punto de vista formal. Non ve a hora de gardar a guitarra acústica no estuche e prender o amplificador da súa Fender Stratocaster: “Dis que buscas alguén que che prometa non marchar do teu lado, que peche os ollos por ti, que peche tamén o seu corazón, alguén disposto a morrer por ti e máis aínda se fai falla, pero ese non son eu, nena. Non, non, non, ese non son eu. Non é a min a quen estás buscando”. Puntal absoluto do repertorio de Bob Dylan con case un milleiro de interpretacións en directo ao longo de medio século, It Ain’t Me é unha das cancións máis documentada na súa discografía. Aparece, nun arranxo diferente cada vez (algúns deles excelsos) en Before The Flood (1974), Real Live (1984), e os volumes 5, 6, 10 e 11 das Bootleg Series, nos dous últimos casos, só na edición completa ou deluxe. Por suposto, un gran número de artistas de renome fixeron a súa propia versión, pero calquera escolma ten que principiar pola de Johnny Cash e June Carter, todo un éxito nas listas de country de mediados dos anos 60. The Turtles e, unha vez máis, The Byrds, tamén a souberon facer súa en clave folk-rock.

bob-dylan-another

Foto: Douglas Gilbert

Deixei My Back Pages para o remate non só porque, como comentabamos máis arriba, foi a derradeira canción que se gravou para o álbum, senon tamén polo seu peso dentro do mesmo. Aínda que con menos percorrido histórico que It Ain’t Me, Babe, circunscrita ao contexto de Another Side paréceme aínda máis relevante que esta. Sustentada na mesma carga poética (e lisérxica) de Chimes Of Freedom, garda tamén un paralelismo notable con Restless Farewell por canto ten de canto de autoafirmación: “A lingua dun autoproclamado profesor, demasiado serio como para estar bromeando, teorizaba sobre o feito de que a liberdade na escola é simplemente igualdade. ‘Igualdade’, pronunciei a palabra como se dun voto nupcial se tratase… Ah, pero daquela eu era moito máis vello. Agora son máis novo”. Está Bob Dylan renegando das teses políticas daqueles que fixeron das súas primeiras cancións os seus himnos? Se cadra é que nunca chegou a abrazalas… Pero tamén apreciamos autocrítica nas súas palabras, un recoñecemento de que aos vinte anos queda aínda demasiado por aprender. Está acaso Dylan desculpándose polas cousas que dixo en anteriores composicións? Non o creo. Tan só afirma que o mundo chega moito máis lonxe do que pensara, que a realidade resulta moito máis complexa e, o máis importante, proclama que se sente moi a gusto no seu personaxe. Agora si, con este novo disfraz que aínda está perfeccionando. Unha vez dito, espero que coa claridade suficiente, que considero Back Pages unha soberbia canción, confeso que a versión recollida en Another Side non me entusiasma en absoluto. Dame a sensación de que Dylan, nesa sétima e defintiva toma, estaba xa un bastante canso. Do tema en si e das horas que levaba traballando esa noite. Non está excesivamente fino, nin coa voz nin coa guitarra. Unha mágoa, pero as cousas son como son e, polo motivo que fose, quixo dar por rematado o álbum aquela mesma noite.

Non atopo ningunha explicación convincente para o feito de que a estrea ao vivo de My Back Pages se demorara ata 1978. Tampouco entendo por que Dylan a empregou como apertura… instrumental (!) dos seus concertos cando por fin botou man dela na xira mundial daquel ano. É dicir, que quen a interpretaba en realidade era a súa banda. Desde entón o autor foi reparando a débeda cunha das súas composicións máis brillantes a través de máis de 250 interpretacións en directo. En outubro de 1992 fíxose definitivamente xustiza con Back Pages, no concerto co que Columbia celebrou o trixésimo aniversario da estrea discográfica de Dylan (documentado no álbum The 30th Anniversary Concert Celebration, do que falaremos no seu momento) no Madison Square Garden de Nova York. Partindo do fermoso arranxo que no seu día realizaran os Byrds (quen se non!), o seu líder, Roger McGuinn, Tom Petty, Neil Young, Eric Clapton e George Harrison, ademais do propio Dylan, repartíronse as estrofas e deixáronnos un momento irrepetible que serviu de colofón a un evento no que tamén participaron Johnny Cash, Lou Reed, Stevie Wonder, Ron Wood, Johnnie Winter, Kris Kristofferson, The Band ou Willie Nelson entre outros moitos.

Como case sempre, entre os descartes do disco hai tamén material moi valioso, e para demostralo poucos exemplos mellores que o de Mama, You Been On My Mind. A versión de Dylan permaneceu inédita ata 1991, cando se inauguraron as Bootleg Series. Para entón, esta fermosa balada sentimental (nada que ver coa maternidade) xa fora un éxito nas voces de Judy Collins, Joan Baez e Rod Stewart. Por outra banda, a visita ao estudio de Ramblin’ Jack Elliott deu como froito a primeira versión dun tema absolutamente fundamental na carreira de Dylan a posteriori, Mr. Tambourine Man, ao que Elliott aporta unhas fermosas harmonías vocais nos retrousos. Era, por certo, a primeira vez que Dylan cantaba con alguén no estudio. O documento tardaría máis de corenta anos en se publicar, dentro de No Direction Home, The Bootleg Series vol. 7. As outras dúas cancións desbotadas aquela noite, Denise e California, son en realidade reescrituras de Black Crow Blues.

edward-a-chavez-dylan-con-maimudes

Dylan en Woodstock co seu amigo Victor Maymudes. Foto: Edward A. Chavez

A finais do mes seguinte, Bob Dylan presentou boa parte das cancións de Another Side no Festival de Newport, poucas semanas antes de que o álbum chegase ao mercado. Alí volveu ser aclamado como o ano anterior, tanto cando actuou en solitario como cando compareceu xunto a Joan Baez. En Newport coincidiu por primeira vez ademais con Johnny Cash, unha das pedras angulares da música country. Trala pertienente confesión de admiración mutua, Dylan e Cash compartiron alcol, cancións e, segundo confesará o Home de Negro, ata chimpos sobre a cama (“como se fósemos nenos pequenos”) da habitación de hotel de Joan Baez (que extraoficialmente compartía con Dylan). Ao día seguinte, Cash interpretou Don’t Think Twice, It’s Alright ante o público e selou unha amizade eterna.

Nunha entrevista promocional do novo elepé, Dylan celebraba a súa liberación do que definía como “vellas cancións unidireccionais”. Pero as críticas que recibe o seu cuarto traballo non son tan boas como agardaba. Certo sector da prensa acúsao de sucumbir á fama e presentar un álbum egocéntrico e intrascendente. O disco despacha bastantes menos copias que The Times They Are a-Changin’. Pero nada disto semella afectarlle demasiado. Está convencido de ir, esta vez si, na dirección correcta. Na única posible: a súa.

 

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s