A Lista Negra: Howlin’ Wolf

https://radiogalegapodcast.gal/programas/a-lista-negra

 É a música negra por excelencia. A que agromou no sur profundo dos Estados Unidos hai xa máis de 150 anos, incorporando algúns elementos da tradición musical africana dos daquela aínda escravos; outras características  propias dos cantos de labor ou traballo; e tamén certas doses de gospel, o xénero que transforma as melodías en exaltación da fe relixiosa. Todo iso xunto, e moito máis, é o blues. E o blues ten desde agora mesmo o seu espazo propio na radio pública de Galicia. Son Eduardo Herrero e isto que escoitas é A Lista Negra…

 Cada semana habemos dedicar o programa a un dos piares, a algunha das figuras que vertebran a historia deste xénero, honesto, auténtico como ningún outro. Con cada capítulo iremos engadindo un nome á nosa lista negra. A lista dos grandes do blues. E neste primeiro programa o protagonista vai ser o máis grande de todos: un xigante de case dous metros de alto e máis de cento treinta quilos. Chester Arthur Burnett, alcumado o lobo ouveador: Howlin’ Wolf…

Howlin’ Wolf, naceu o 10 de xuño de 1910 en White Station, moi preto de West Point, no estado de Mississippi. Seus pais, Gertrude e Leon Burnett, bautizárono co nome de Chester Arthur en homenaxe ao vixésimo primeiro presidente estadounidense, republicano oriundo de Vermont que, porén, foi un dos primeiros en defender os dereitos civís dos negros nos estados do sur durante o seu breve mandato, comprendido entre setembro de 1881 e marzo de 1885. Gertrude e Leon separáronse cando o pequeno Chester tiña apenas un ano. Mentres seu pai seguiu traballando na colleita do algodón no delta do Mississippi, a futura lenda do blues mudouse coa súa nai ao condado de Monroe, preto da fronteira con Alabama. Alí tivo o seu primeiro contacto coa música: foi no coro da igrexa baptista de Life Boat. Daquela a súa voz era aínda a dun cativo calquera. Imposible imaxinar sequera que acabaría por se converter nunha das máis recoñecibles do século XX.

Isto que escoitas é A Lista Negra, o novo espazo de Radio Galega Música dedicado ao blues, que hoxe dedicamos a Howlin’ Wolf, un dos músicos que axudaron a definir o xénero. Cando aínda era un neno rebelde ao que chamaban Chester, a nai de Howlin’ Wolf botouno da casa en pleno inverno. Mudouse daquela co seu tío avó Will, que o fixo traballar case como un escravo e non o mandou á escola. Algunhas fontes sosteñen que foi entón cando lle puxeron o alcume do lobo, a raíz de certo incidente coas pitas da granxa. O caso é que, ao cabo dun tempo Chester escapou, e con posterioridade chegaría a asegurar que percorreu a pé as 85 millas, case 140 quilómetros, que había ata o lugar onde aínda vívía seu pai. No seu fogar atopou, por fin, a felicidade.

Cando tiña 18 anos Howlin’ Wolf coñeceu a Charley Patton, un dos pais fundadores do blues do Delta e quizais a maior figura do xénero no período comprendido entre a Primeira e a Segunda Guerra Mundial. Porén, o seu nivel de estrelato non tiña nada que ver co de hoxendía. Naquela época, un artista negro de éxito tiña o privilexio de gañar a vida dando recitais nocturnos en tabernas de pouca monta coñecidas como juke joints ou barrelhouses e, con sorte, gravaba algúns temas de cuxas vendas acababan beneficiándose outros moito máis que el.

 Pero aquel encontro con Charley Patton cambiou para sempre a vida de Howlin’ Wolf. Escoitándoo interpretar pezas como Poney Blues ou High Water Everywhere, unha crónica musicada das inundacións de 1927, entendeu por primeira vez o poder da música, e en particular do blues. Patton aprendeulle a tocar a guitarra e converteuno no seu protexido. Se ben nunca chegou a dominar as seis cordas ao mesmo nivel que o seu mentor, Howlin’ Wolf si soubo dotar a súa voz artística dun ouveo semellante, un ton rouco e áspero, case salvaxe, ao que engadiu tamén o mesmo talento para o espectáculo que tiña Patton. A mera presenza de Howlin’ Wolf coa súa guitarra enchía calquera escenario que pisaba.

A lenda de Howlin’ Wolf comezou a se forxar nos anos 30 do século XX. En pouco tempo pasou de ser un mero imitador de Charley Patton a lle imprimir un selo propio ás súas interpretacións. Neses anos colaborou con multitude de artistas que tamén son historia do blues e antes ou despois van formar parte da nosa lista negra: desde Robert Johnson a Son House, pasando por Sonny Boy Williamson, quen acabaría casando con Mary, irmá de Howlin’ Wolf, e introducindo a este no seu segundo: a harmónica. Utilizando un soporte semellante ao que décadas máis tarde faría célebre Bob Dylan, cara ao final daquela década de entreguerras Howlin’ Wolf convertérase nunha das maiores atraccións musicais do sur profundo soprando a súa harmónica e aporreando unha das primeiras guitarras eléctricas xamais vistas. Foi entón cando a súa carreira sofriu unha longa paréntese de catro anos, o tempo que tardou en completar o servizo militar.

 Seguimos na Lista Negra, a parcela que Radio Galega Música vén de poñer a disposición dos amantes do blues. Hoxe falamos de Howlin’ Wolf, un coloso do xénero ao que nin catro anos no exército lograron desviar do seu obxectivo de vivir da música. A mediados dos anos corenta do século XX, cumpridas as súas obrigas militares, Howlin’ Wolf instalouse en Memphis, Tennessee, onde volveu traballar no campo como cando era un mozo. Alí formou tamén a súa primeira banda, da que formaban parte tres nomes ilustres: Willie Johnson, Matt Murphy e Junior Parker. Xuntos perfeccionaron o seu son e entraron no circuíto de clubs da cidade ao tempo que actuaban, cada vez con máis frecuencia, nas emisoras de radio locais. A personalidade arrolladora de Howlin’ Wolf non tardou en convertelo nunha celebridade a pequena escala, ata o punto de chegar a ter o seu propio programa onde, ademais de tocar, informaba da situación das explotacións agrarias da zona, pois nelas traballaba a práctica totalidade da súa audiencia. El mesmo facía tamén as cuñas publicitarias.

 Antes de que a súa muller, Tina, destapase os abusos que padeceu durante décadas, Ike Turner foi un compositor, produtor e intérprete de éxito. Tamén traballou como descubridor de novos talentos. En 1951 foi el quen levou a Howlin’ Wolf ata o seguinte nivel ao poñelo en contacto con Sam Philips, futuro fundador do selo Sun Records en que debutarían, poucos anos despois, Elvis Presley, Roy Orbison, Johnny Cash ou Jerry Lee Lewis entre outros. Philips quedou impresionado con Howlin’ Wolf: «Deixa a súa maldita alma en cada canción», contan que dixo mentres o gravaba coa súa banda. Pero dado que Sun aínda non era unha discográfica como tal senon un simple estudio, acabou vendendo os dereitos desas sesións históricas a outra peza clave nesta historia: o selo dos irmáns Phil e Leonard Chess… con sede en Chicago, a seguinte parada de Howlin’ Wolf.

 Contan os libros que Chester Arthur Burnett completou os estudios interrompidos na súa infancia ata rematar o bacharelato. Mesmo fixo algúns cursos posteriores de finanzas e, de feito, foi un dos bluesmen que mellor soubo xestionar a súa carreira musical desde o punto de vista económico. A lenda sostén que esa mudanza desde Memphis realizouna ao volante do seu coche, percorrendo a mítica ruta 61, a chamada autoestrada do blues, e levando consigo a daquela nada desprezable cifra de catro mil dólares en efectivo. Unha vez instalado en Chicago, Chess editou os dous primeiros e imprescindibles álbumes de Howlin’ Wolf: Mounin’ At The Moon en 1959 e, tres anos máis tarde, un segundo traballo bautizado co seu nome pero que pasou á historia como o disco da mecedora pola icónica imaxe dunha cadeira na súa cuberta. 

 Estás escoitando A Lista Negra, o espazo reservado para o blues en Radio Galega Música. Son Eduardo Herrero e hoxe o noso protagonista está a ser Howlin’ Wolf, un dos piares do xénero. Pero a súa historia, e en particular a súa exitosa estadía en Chicago, non sería a mesma de non ser por outra lenda, o compositor que Chess Records tiña en nómina daquela época, o gran Willie Dixon. Durante preto dunha década, Howlin’ Wolf non gravou outra cousa que non fosen os magníficos temas que escribía Dixon. A poderosa voz do lobo convertíaos en clásicos instantáneos: de Spoonful a The Red Rooster, temas que ducias de artistas interpretarían co paso dos anos, pasando por este Back Door Door Man, do que os Doors de Jim Morrison farían tamén a súa propia versión no seu álbum de debut.

 En Chicago Howlin’ Wolf levou unha vida tranquila e feliz xunto con Lillie, o amor da súa vida e nai das súas fillas, Betty e Barbara. Lillie procedía dunha Familia acomodada de Chicago, nada que ver coas orixes humildes e rurais do artista, pero quedou prendada del cando o viu sobre o escenario e logrou superar as trabas que lle puxeron na casa ata se converter na esposa de Howlin’ Wolf. Porén este non atopou o mesmo feedback cando, no seu momento de maior éxito decidiu regresar a Mississippi para visitar a súa nai, daquela xa unha anciá. Gertrude non quixo saber nada de seu fillo e non aceptou os cartos que este lle ofreceu ao consideralos indignos por ser froito do que consideraba era a música do diaño.

 O blues viviu un esplendor renovado  a comezos dos anos 60, que puxo en valor o legado dos artistas que foran modelando o xénero nas décadas anteriores, entre eles, por suposto, Howlin’ Wolf. O labor de certos investigadores e estudosos musicais, que reivindicaron os bluesmen da primeira metade do século, tendeu pontes entre estes e as estrelas do momento. O resultado foron xiras de concertos por medio mundo e discos como The London Sessions, gravado na capital británica en maio de 1970, onde Howlin’ Wolf recreou moitos dos seus vellos estándares acompañado de Eric Clapton, Steve Winwood, Charlie Watts e Bill Wyman dos Rolling Stones ou Ringo Starr dos Beatles, que daquela acababan de separarse. O disco tivo máis éxito en Gran Bretaña que nos Estados Unidos, onde o revival do blues xa entrará en recesión. 

 Howlin’ Wolf entrou na década dos 70 coa saúde mermada polas secuelas de varios infartos de corazón e unha lesión renal derivada dun accidente de tráfico en que que saiu despedido polo parabrisas do seu coche. O saxofonista Eddie Shaw, daquela tamén cabeza da súa banda de acompañamento, a Wolf Gang ou banda do lobo, acabou por limitar a súa presenza sobre o escenario a só media ducia de cancións en cada concerto. A mellor mostra daquel progresivo declive cargado de dignidade é o álbum Live And Cookin’, gravado en directo no club Alice’s Revisited de Chicago en xaneiro de 1972. 

 Chester Arthur Burnett, que pasou á historia co sobrenome de Howlin’ Wolf, morreu o 10 de xaneiro de 1976 nun hospital de Hines, no estado Illinois, a consecuencia das complicacións xordidas tras ser operado de novo dos seus maltreitos riles. Tiña 65 anos. Os seus restos foron soterrados no cemiterio de Oakridge, no extrarradio de Chicago. Á súa lápida están soldadas unha guitarra e unha harmónica. En 1994 o servizo postal dos Estados Unidos emitiu un selo conmemorativo coa súa imaxe. Tres anos despois erixiuse unha estatua na súa memoria en West Point, moi preto do seu lugar de nacemento no estado de Mississippi. Alguén dixo que Robert Johnson escribiu letras máis profundas, que Muddy Waters brillou con máis forza, que BB King tiña unha técnica máis depurada como guitarrista, pero ninguén entusiasmaba, intimidaba, excitaba e conmocionaba o público tanto como Howlin’ Wolf, o lobo ouveante. O seu legado é inmortal, como certifica a súa inclusión a título póstumo nos salóns da fama do blues e do rock and roll. Desde hoxe tamén é membro de honra da Lista Negra, o territorio reservado para os grandes do blues en Radio Galega Música. 

 Podes seguirnos en Facebook e Instagram escribindo no buscador A Lista Negra do blues. Tamén podes volver escoitar o programa cando queiras a través da páxina web da CRTVG. Eu son Eduardo Herrero e non has tardar en volver saber de min. Ata entón, saúde e boa música!